Saturday 18 de May de 2024

O alumnado do IES Brión consegue catro dos seis premios da Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015


O equipo de 1º de Bacharelato conseguiu o 2º posto na clasificación xeral e os tres equipos de 4º da ESO coparon os tres primeiros postos da categoría “Renacuajo”

O alumnado de Tecnoloxía de 4º da ESO e de Debuxo Técnico e Tecnoloxía Industrial de 1º de Bacharelato do IES Brión conseguiron catro dos seis premios en disputa na Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015, modalidade “Segueliñas”, celebrado na Domus da Coruña. Dende o IES Brión participaron catro equipos: tres de 4º da ESO na categoría “Renacuajo”, cuxos robots coparon as tres primeiras posicións; e un de 1º de Bacharelato, cuxo robot acabou 2º na categoría Xeral.

As probas entran dentro do formato coñecido como “Segueliñas”, é dicir, márcase un percorrido cunha liña de cor negra de 2 centímetros de ancho sobre un fondo branco e completamente liso e os robots participantes deben completar ese percorrido no menor tempo posible e sen saírse do trazado. As categorías da competición non están delimitadas pola idade dos participantes, senón polas características dos seus robots (os da categoría “Renacuajo” deben estar propulsados exclusivamente por dous servos de rotación continua).

Os catro equipos de Brión superaron as dúas roldas eliminatorias da Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015 e se clasificaron para a gran final, quedando así entre os seis primeiros de Galicia. Na Categoría Renacuajo, os tres equipos de Brión quedaron no primeiro, segundo e terceiro postos. Na clasificación xeral, o robot deseñado e construído polo equipo de 1º de Bacharelato do IES Brión acadou o segundo posto.